Apaga a cor salvaxe

Xosé Luís Mendez Ferrín


Nas súas orixes Lodeiro foi onírico. Ao ancho e ao longo do seu vivir criativo, seguiuno sendo sempre. Son poucos os críticos que se teñen referido ao espacio do soño, ao se referir ao artista da Falperra. Pero sigue existindo sempre, e seguirá existindo mentres o seu valente corazón alente, unha veta de Lodeiro surrealista


Artista que detesta a repetición de si aínda que estea condenado a ser internamente o mesmo, Lodeiro atopa nos días tristes, nos días de derrota de 1996, un xardín maldito no que crecen as flores do mal. Flores de Lodeiro triste. Flores horrorosas do Lodeiro último. Benvidos todos a este xardín que inquieta. As flores do meu amigo (Dicía Pai Gomes Carinho) que briosas son enseña hoxe dun navío destinado ao naufraxio. O mundo, a arte autentica, nós, somos así: como estas flores. Estas flores son o emblema do meu ánimo, do teu.

Nesta última etapa de Lodeiro, hai cadros grandes. Neles vemos avenidas flanqueadas de árbores farola, de flor árbores, de farolas flor. Nestes cadros o que ve, debe sentir que saiu de noite, precisamente en soños. Débese sentir como a amada do Cántico Espiritual de San Xoán da Cruz. Debe notarse perdido na noite. Non hai xente, como ocorre en boa parte do espacio imaxinario que é Lodeiro. Polas biras do camiño, da avenida, da triste estrada, están as flores, raquítics. Malformadas flores, flores contra a noción estética da flor renacentista: Pura, encendida rosa, émula de lla llama: NON. Temos, entón, grima: temos medo. Digo que non hai xente.

E hai cadros pequenos de formato. Son cristaleiras con espacios estancos, que lembran o Lodeiro xeométrico de outros días. Estas vidrazas teñen cristais feitos de flores inquedantes. E eles están compostos de racionalidade analítica maís angustia.

Nos cadros grandes figura o camiño, como rei do significado. Dixen antes que debe ser o cadro vivido de noite, no escuro. Pero as flores omnipresentes convócannos ao día. A soedade é o que manda. Contraste entre o si e o non, coma sempre.

Pero podemos ver nos cadros de menor tamaño, labirintos, parterres, leiras amplificadas de fragmentos de cadros serialmente anteriores. Leiras amplificadas polo pintor para el coñecer e descubrir a esencia xerminal das flores. Sombra da pétala na terra: a tristura, malenconía do pintor na cúspide da súa arte.

Na evolución última de Xosé Lodeiro, as cores (das flores, naturalmente) móstranse escurecidas. Flores contra natura, marrón, pardo de terra ou lama. Oprobio de degradación que contrasta con zonas de cor limpa, de luminosidade. Agora hai un Lodeiro novo, que incomoda coma os outros todos anteriores e é continuación natural deles. Pero é o Lodeiro que esixe este tempo pardo. El apaga a cor salvase e nos chama a comprender o mundo tal como é: menos fermoso e menos tinxido de esperanza que cando coñecimos a nosa mocedade frente as Illas.

As flores, as flores.

Xosé Luís Mendez Ferrín